Desenvolvemento económico e protección do patrimonio. Contradición ou oportunidade?

CONVOCADO O II PREMIO DE ENSAIO BREVE ETSAC
15/10/09

No DÍA MUNDIAL DO URBANISMO co fin de fomentar a investigación en lingua galega en temas relacionados co urbanismo, promover a implicación do alumnado a respecto da nosa lingua no ámbito en que desenvolve as súas actividades e estimular a reflexión da mocidade sobre a situación actual e as perspectivas de futuro neste ámbito, o Servizo de Normalización Lingüística, que depende da Vicerreitoría de Cultura e Comunicación, en colaboración coa Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña convoca o II PREMIO DE ENSAIO BREVE ETSA A Coruña aberto a calquera persoa matriculada no sitema universitario galego.

Baixo esta convocatoria participei (con magnífico e inesperado resultado posto que recibín un accésit) co seguinte ensaio que, como parece que non vai ser publicado, poño aquí a disposición dos interesados.

OPTIMISMO/PESIMISMO                                                                                                                                                                   opcións

“Toda a condición humana resúmese nesa imaxe: estar fronte ó mundo, téndose a si mesmo as súas costas.” Alessandro Bariccó, “City”

“O egoísmo non ten límites. Para disimulalo os homes inventaron a cortesía. Para regulalo e contelo, instituiron o Estado.” Arthur Schopenhauer, “As dores do mundo”

Como enfrontarse a un debate de tal calibre coma este?. O pesimismo ou o optimismo nas propias posibilidades da especie humana, a sociedade no seu conxunto é a responsable de ter chegado a este punto. Se é necesaria unha especial protección de lugares ou obras emblemáticas e porque sempre habería alguén disposto a súa eliminación a costa dun beneficio particular. O pesimismo sobre esas intencións é inevitable.

A dúbida sobre a compatibilidade entre beneficio material puro e beneficio cultural puro vai na mesma liña. A redución das opcións contempladas á confrontación ou unión de desenvolvemento económico e protección do patrimonio como os dous únicos camiños, xa sexan converxente ou diverxentemente, nace xa limitando as posibilidades do diálogo en torno á viabilidade do urbanismo e o desenvolvemento da arquitectura. As opcións maioritarias e predominantes acaban convertidas nas únicas opcións, consecuencia paradóxica da chamada sociedade da información. Ésta, dominada polos estímulos visuais, acaba potenciando o que se ve por encima do que se precisa, a cultura do inmediato.

As novas tecnoloxías, a pesar da universalización e a democratización do acceso á cultura, van a favor desa diferenza. Un exemplo moi simple e directo sería o sistema de busca a través de internet. O servidor vai ofrecer como primeiras opcións as máis visitadas, a tendencia vai ser sempre a aumentar esas diferenzas e os buscadores demostrámonos pouco ambiciosos conformándonos con eses resultados. A conclusión é lóxica, o que se valora non é a calidade da solución senón a facilidade para a súa obtención.Idéntico resultado o aplicado da polarización do debate entre desenvolvemento económico e protección do patrimonio, porque ata agora foron dous apartados tanxenciais pero non realmente mesturados. É posible a integración dos elementos propios da cultura, xa sexan naturais ou culturais, nos apartados de arquitectura máis directamente relacionados cos beneficios económicos ou iso suporía a súa extinción a favor dunha maior ganancia? As persoas responsables da construción (a propia sociedade a través de dirixentes, construtores, arquitectos ou calquera profesional afectado) poderán compaxinar o ben común fronte o inmediato ben particular? A resposta da sociedade dispón dun punto crítico, pero dende un punto de vista destrutivo.

A sociedade non parece esixir novos modelos de utilización dos espazos públicos, de construción da cidade ou de intervención máis aló mentres non se vexa afectado o seu nivel de vida actual, o conformismo xurde dos propios usuarios. Provoca, consecuentemente, a repetición dos errores por acumulación, o que se ve acaba convertido na única realidade existente. A solución neste punto resulta complexa posto que obriga os traballadores do ámbito a esforzos totalmente persoais se quere ver modificadas as cousas.

O conxunto da poboación parece conforme co dito “máis vale malo coñecido que bo por coñecer”. Pedirlle a calquera que exerza de rato de laboratorio tampouco parece moi asumible por ninguén pero non facer nada só provoca que nada se faga. Convén recordar que a evolución non se detén e o inmovilismo non mantén a posición senón que trae consigo un retraso.

A realidade da profesión arquitectónica

Pódese recriminar ós profesionais da arquitectura o desenlace de todos estes acontecementos, neste momento cabe recordar esa dualidade tan característica, e case podería falarse de exclusiva, da arquitectura. A súa dobre vertente técnico – creativa. Un arquitecto que traballa producindo edificios, que funcionan máis ou menos ben, segundo pautas e procedementos inamovibles está facendo pola arquitectura ou no seu propio beneficio? Debe esixírselle, el mesmo como primeiro crítico, unha reflexión sobre o que está a facer e o que está a transmitir ou mentres sirva tiramos para adiante? Onde reside a dignidade do profesional? Este, volvendo a confiar na condición humana, acaba producindo obxectos o mellor que sabe pero, e iso suficiente?

A profesión de arquitecto está lonxe de esa imaxe idealizada de artista creador, case a modo de mago que toda a sociedade reverenciaba. Hoxe en día acostuma a ter un número limitado de opcións. Pode traballar, pola súa conta ou directamente contratado, na roda da construción de vivenda privada co promotor ou construtor de turno e producir buscando o máximo beneficio para quen lle paga (que non soe ser o ocupante desas obras).

Ocasionalmente participará nun concurso público e aquí xorden algúns problemas curiosos. Este parece o momento da carreira do arquitecto onde máis liberdade podería atopar para expresarse e propor novos espazos, novos modos de ocupar ou habitar diferentes lugares, modificacións de erros de planificación, cubrir necesidades básicas  (e isto convén mantelo sempre moi presente) dos destinatarios finais de toda a produción arquitectónica, os cidadáns. O escenario parece propicio para a experimentación e a investigación pero chegados a este punto hai que parar e cuestionar, aproveitan os arquitectos esta oportunidade? A administración, cliente habitual de este tipo de certames, está disposta a exercer o papel de mecenas de ese posible novo avance? A resposta a ambas, desgraciadamente, é negativa.

Como reflexión acerca dos devanditos concursos un tema capital, cal é a motivación dos propios profesionais para tentalo?. A resposta suxire catro opcións, a mellora da propia posición (relacionado co éxito profesional non só no apartado económico senón tamén no non pouco importante do prestixio), a tan famosa crise que obrigou a bastantes arquitectos a xirar os seus ollos cara a administración como cliente ante a falta de iniciativa privada, a realización de proxectos a modo de hobby ou ocupación pasaxeira no medio da vida laboral de cada un e, por último, o teórico que busca plasmación práctica das súas ideas. Ante este panorama, é pouco probable que os resultados vaian moito máis aló e todo remata, volvendo sobre a cita inicial de Bariccó, cunha fuxida cara diante que produce desaproveita as posibilidades que van xurdindo no mundo da arquitectura porque á fin, e as cousas acaban sendo así dende que o mundo é mundo, as persoas acaban por coidar o ben común cando o seu ben particular esta garantido ata o punto que cada un considera satisfactorio.

Os novos profesionais, entendidos como aqueles que se adaptan as condicións específicas da actualidade, deben cuestionar este modo común de exercer a profesión e recuperar un posto que lles permita volver a ser, como colectivo, a voz directora nos procesos de decisión sobre os espazos arquitectónicos máis aló do artefacto. A situación é delicada, os que adquiriron unha posición que lles permite realizar os seus proxectos (neste campo estarían incluídos os profesionais liberais, os relacionados coa educación superior ou os relacionados coa administración), con obxectivos tan variados como persoas hai envoltas, tentar manter o seu status e os que buscan ese obxectivo non queren realmente cuestionar o modelo senón acceder a postos máis altos.

As administracións como motor e control

“… tan ou máis importante como a esixencia legal e o convencemento de que este xeito de proceder é oportuno, conveniente e, mesmo, imprescindible se o que se procura é un plan que corrixa seculares rumbos de esmorecemento e decadencia por outros que supoñan desenvolvemento e recuperación.” Extracto da memoria do PEPRI do Casco Vello de Vigo

As intervencións por parte de administración en calquera ámbito, político, económico, social, o que sexa, teñen unha dificultade intrínseca. Van a ser actuacións que condicionarán tódolos movementos que traen consigo. Os obxectivos e as intencións dos propios impulsores das leis poden ser os mellores, non hai motivo para dubidar diso máis aló da desconfianza de cada un na especie humana. Pero a mensaxe que se transmite, aí radica o primeiro punto de fricción.

Para levar a cabo estes plans hai que partir dun esquema previo onde as prioridades e os camiños deben quedar ben expostos. E non é común ver esta dirección posto que as leis, na maioría dos casos, e con máis gravidade no caso da arquitectura, acostuman a ser coercitivas e de mínimos. É necesario que os organismos competentes vixíen e protexan o legado cultural e natural dos axentes sociais, máis preocupados do seu propio e instantáneo beneficio, pero é igual de necesario que se coiden tamén as propostas que fagan a este momento histórico desenrolarse como o fixeron os anteriores.

Resulta un avance incuestionable, sen embargo, o recoñecemento xurídico de bens de interese cultural ou paisaxístico xa que permite a limitación do radio de acción dos axentes destrutivos. Isto non quere dicir que a inclusión dos elementos propios do patrimonio na ecuación para o desenrolo das actividades sexa imposible senón que é primordial, porque o perigo de que rematen convertidos en pezas museísticas sen máis obxectivo que o reclamo turístico.

Un concepto moi de moda nos últimos tempos consegue unha importancia relevante no proceso arquitectónico e que serviría para ampliar as opcións deste debate proposto. A mulitidisciplinariedade. O problema e que está sendo tratada dende un punto oclusivo. Multidisciplinariedade non quere dicir que nunha soa persoa se concentren todos os saberes, nunha especie de home do Renacemento, acaparador de toda a cultura e capaz de ter en conta os diferentes aspectos. Quere dicir que persoas especializadas en temáticas moi variadas, pero coa sensibilidade suficiente para comprender a importancia de outros apartados, traballen xuntos e colaboren para a realización de proxectos máis ambiciosos. E non so se refire a colaboración entre un arquitecto cun sociólogo  ou un arqueólogo ou un historiador ou un enxeñeiro, senón entre diferentes equipos dentro dos mesmos campos pero interesados en outras posicións ou que investigan outras solucións ou, simplemente, teñen outro punto de vista. Ë difícil de asumir para o ego que todos temos, que nos considera capaces das maiores proezas pero que acaba limitando o discurso.

E a mesma incapacidade que provoca a escasa participación cidadá nas propostas e tomas de decisión nas decisións que afectan directamente o seu entorno. Neste sentido as intención son máis ben escasas pero pequenas intencións como o, en curso, proxecto de A cidade dos barrios, están destinadas á sensibilización da poboación sobre o feito de que o que se constrúe ou que se decide afecta as súas vidas. Porque mentres que non se vexa afectado o seu, o común dos cidadáns carece do interese para enterarse do que vai a suceder e todo será para el política de feitos consumados. Unha vez chegados a ese punto adaptarase a nova situación e seguirá adiante.

Neste punto convén facer outro alto. Ata que punto a sociedade precisa de alguén (administración, arquitectos ou quen sexa) que lle oriente sobre modos de ocupar o espazo público, de vivir ou de utilizar lugares de ocio? Son as relacións persoais tidas en conta á hora de realizar estes proxectos? Propóñense cambios deste tipo ou búscase a acumulación de vivendas e equipamentos arredor dos elementos do patrimonio? A sociedade utiliza os artefactos construídos a pesares da calidade de estes?

A arquitectura como arte útil ten esa dobre vertente que a universaliza pero que autoriza os usuarios a opinar sobre ela, non coma un xuízo a posteriori sobre a súa valía, o que sería o caso de calquera pintura ou fotografía por exemplo, senón tamén a priori. E, para aumentar a complicación, está constituída por elementos que, segundo a duración relativa da vida dos homes fronte a das intervencións, case imperecedeiros.

Por tanto, a responsabilidade é totalmente compartida entre administración, profesionais do gremio e a sociedade en xeral. A ampliación do debate debe ir na liña de eliminar a polarización entre economía e cultura coma inimigos íntimos. Existen outros factores de tipo social que deben ser tidos en conta pero está claro que o coidado desas realidades socioculturais non debe quedar, únicamente, nas mans de dirixentes ou funcionarios que exerzan de policía da arquitectura. O conxunto da poboación debe demostrar o seu interese no tema e participar activamente.  A consecuencia de non limitar esa polarización son, e isto acaba sendo ten inevitable como evidente, a elitización dos elementos do patrimonio, convertidos en catálogo, e a falta de identidade dos espazos suburbiales, campo libre fora do lugar de protección.

Neste sentido, non é unha política de intervencionismo o límite para o coidado do “bo gusto” ou as “boas formas” senón a introdución de mecanismos de reutilización dos lugares xa construídos, a una reflexión sobre a s necesidades reais en entornos urbanos ou non urbanos, tanto ten, e non a plans ambiciosos sostidos máis por intereses económicos ou publicitarios.

A cidade de A Coruña sería un caso paradigmático deste desenrolo apoiado sobre una protección do patrimonio entendido como elementos intocables, case pezas de museo e un desenvolvemento económico baseado nun todo para xa insostible a largo prazo. Ninguén pode crer na necesidade das superficies comerciais que ten (máis as que están a chegar) que levarán o abandono dalgunha delas como vestixio dun ben instantáneo para alguén pero non nunha planificación a largo prazo. Unha exemplificación da negociación entre os axentes públicos e a promoción privada, a permisividade para a realización de obras sen un plan maior que as conteña.

Ë curiosa a posición neste aspecto dos profesionais arquitectos, calquera pode entender que a maioría dos profesionais (probablemente incluídos os que realizaron os proxectos deses espazos) están en desacordo con esas grandes construcións, non so dende o punto de vista do obxecto arquitectónico senón tamén dende o punto de vista social. Pero, a alguén lle importou a súa opinión, foron consultados. Todo isto, co agravante de que resulta imprescindible a firma dun profesional para a realización do proxecto e unha licitación a cargo de diferentes entes públicos onde este tipo de profesionais acostuman traballar. O seu papel acaba sendo meramente técnico, perdendo unha parte de feito arquitectónico no proceso. Ou non? Pode ser que o intento vaia destinado é eliminación de esa condicionante humana da arquitectura, os espazos comerciais están totalmente deseñados para o fomento do gasto. Pode ser que calquera outra posición teña un carácter utópico que nada ten que ver coas realidades sociais, que as persoas teñan suficiente con isto e non pidan máis porque, sinxelamente, non queren nin esperan máis.

O tono é claramente pesimista, nunha época na que nos diferentes apartados da cultura representan paisaxes, feitos, actuacións, situacións, comportamentos, de corte certamente apocalíptico. A desconfianza calou en todos os ámbitos. Ninguén espera nada de ninguén. A oportunidade é manifesta, calquera intento será ben recibido.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: